Saturday 27 de April de 2024

A Xunta impulsa o coidado do medio ambiente entre o alumnado galego a través do voluntariado


O CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal pon en marcha un proxecto para fomentar entre as nenas e nenos o respecto pola natureza, a reciclaxe e a recollida de lixo

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, asistiu esta mañá á presentación do proxecto LimpaIsidro que puxo en marcha o CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal, centro participante no Voluntariado miúdo: Móvete da Xunta de Galicia, co que se impulsa o coidado do medioambiente, entre outros aspectos.

Cristina Pichel aproveitou a visita para coñecer de primeira man as tarefas que realizaron os estudantes do centro como as labores de reciclaxe ou a recollida de lixo. Entre elas, destacan a confección dun banco feito con 100 quilogramos de plástico reciclado polos escolares.

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado puxo en valor o papel do voluntariado e a súa pegada nas idades máis temperás para impulsar valores como a convivencia, a solidariedade, a inclusión e o respecto polo medioambiente. Así, subliñou o compromiso do Goberno galego por continuar apostando polo voluntariado, no que Galicia é unha comunidade referente en España.

Así mesmo, Cristina Pichel agradeceu á dirección e aos profesores do CEIP Plurilingüe Isidro Parga Pondal por desenvolver iniciativas coma esta coa que as rapazas e rapaces se poden achegar ao voluntariado e coñecer a súa importancia para a sociedade.